información cidadá INFORMACIÓN CIDADÁ

galego | castellano

inicio

Educación Viaria

Educación Viaria nos colexios

UNIDADE DIDÁCTICA

PRIMEIRO CICLO

O alumnado de primeiro ciclo (1º e 2º de Primaria) é o de menor idade (6-8 anos) e, por conseguinte, o máis "mimado", especialmente no que concirne á mobilidade. Raro é o que se despraza ao centro de forma autónoma ou semi autónoma (acode en bici ou a pé acompañado por adulto).

Se imos organizar actividades prácticas (saídas en bici, xogos de habilidade) debemos prever que haberá nenos e nenas que non saiban andar en bici. Nese caso traerán os "rodíns" (irán con catro rodas) e organizarase un curso fóra de horario lectivo (ou un taller paralelo para principiantes) para que todos alcancen un nivel similar.

Valores educativos da bicicleta en primeiro ciclo:

CIVISMO:O neno que chega ao colexio en bici aprende moito sobre as normas de circulación e os sinais porque as coñece de forma práctica (in situ) e aféctanlle á súa vida diaria.

MEDIO:Os escolares van concienciándose sobre a necesidade de respectar o medio (natural e urbano). As saídas a parques e paraxes próximos iranos achegando á natureza e ensinaranlles a amala e respectala.

SAÚDE:Desprazarse en bicicleta pódese converter nun hábito que adquiran a esta idade e que lles achegue un plus de saúde por todos os beneficios que xera o exercicio físico moderado e diario.

CONSUMO:A elección da bici para os nosos desprazamentos convértenos en consumidores máis responsables. Os hábitos adquiridos na nenez (afeccións, medios de transporte) adoitan manterse na idade adulta.

Esta unidade pretende que o alumnado adquira uns coñecementos básicos sobre as normas de circulación, a bicicleta e as súas partes (CONCEPTOS) e as habilidades necesarias para circular correctamente en bicicleta (PROCEDEMENTOS). A este tempo, trataremos de facerlles reflexionar sobre a mobilidade sostible e inculcar espírito crítico (ACTITUDES) de cara aos seus desprazamentos cotiáns (especialmente o CAMIÑO ESCOLAR). Un obxectivo irrenunciable da unidade é que o alumno se divirta nas actividades deseñadas arredor da bicicleta: debuxos, circuítos, excursións, etc.

Traballaremos especialmente a educación viaria, as habilidades básicas e a busca de autonomía (á hora de pensar e desprazarse). Tamén intentaremos incluír a bicicleta en apartados (artes plásticas, redaccións, debates) onde rara vez a atopamos. En poucas palabras, buscaremos normalizar o uso da bicicleta, que a incorporen as súas vidas. Propoñemos, como exemplo, unha unidade didáctica de oito sesións. Os docentes serán os que determinen que sesións (e cantas) queren dedicar á bicicleta, sempre tendo como asesores o equipo de Educación Viaria do Concello de Narón.

COÑEZO A BICI

Propoñemos un repaso ás partes e pezas da bici, tratando de aprender as máis importantes e a súa función. Pódese facer con fotos, debuxos, murais ou en forma de xogo: bici con partes en branco que deben escribir ou debuxar, etc.

EDUCACIÓN VIARIA

É conveniente habilitar un circuíto con sinalización horizontal (frechas no chan, "stops", etc.) e vertical, que se pintará en cada colexio o longo deste ano lectivo. Se o alumnado pode, ademais, pintar as liñas e os sinais resultará unha actividade dobremente motivadora

Sinalización específica da bicicleta na cidade: carrís bici, pasos de bicicletas e peóns, zonas 30, zonas residenciais, etc.

Os e as docentes, xunto cos coordinadores do proxecto (Pedro Caneiro e Simón Cabarcos)podemos ensinar os sinais, as normas elementais de circulación e as manobras de sinalización básicas sobre a bicicleta: xiro á dereita, esquerda e parada .

Unha vez deseñado e montado o circuíto de Educación Viaria no patio realizaremos as prácticas

"PRÁCTICAS EN CIRCUÍTO DE EDUCACIÓN viaria", con axuda, sempre que se poida, de profesionais do Concello na temática a tratar.

EXCURSIÓNS E PRÁCTICAS EN BICI

Podemos deseñar un circuíto de habilidade no patio con obstáculos, pasos estreitos e outras dificultades. Aproveitaremos as clases de Educación Física, ou outros momentos, para estas prácticas.

As excursións que propoñemos faranse polos arredores do centro e destinos próximos: biblioteca, Casa de Cultura, praza emblemática (con BICI AO CASTRO DE EIRAVEDRA, BOMBEIROS,PAZO DE LIBUNCA, PASEO MARÍTIMO..., Deben ser saídas curtas (SIMÓN E PEDRO elaborarán un listado de rutas en bicicleta que servirán para tal fin), sinxelas e con carga emocional: o alumnado chega a un lugar importante da cidade (praza, concello) ou a un espazo querido (parque,ludoteca).

No destino final da excursión, sempre que sexa posible, recibiraos unha persoa allea ao colexio (neste caso sempre está a colaborar con nós a auxiliar de Arquivo do Concello, Anabel Bello.) que nos falará do que estamos a ver.

É conveniente que, ademais de docentes, haxa outros representantes da comunidade escolar (nais-pais, persoal de administración, representantes do concello, anpas...) na saída para dar maior calado á iniciativa e "normalizar" o uso da bici.

Hai outros eventos significativos que podemos aproveitar para saír coas bicis (máis adiante comentámolos):

DÍA SEN COCHES, DÍA DA ÁRBORE, MARCHA CICLISTA ESCOLAR, etc.

TRABALLO DE RÚA

As saídas pódense facer a pé ou aproveitar as excursións en bici propostas. O alumnado aproveitará estes momentos para repartir folletos explicativos da campaña, explicar o proxecto á xente da rúa e calquera outra actividade relacionada que os docentes crean oportuna, neste senso na maioría dos centros xa se ten levado a cabo a campaña de Nadal coa entrega de postais con lemas alusivos as viaxes de Nadal na que tantas vidas se poñen en risco.

CONCURSOS

Unha boa forma de animar e sensibilizar os nenos e nenas é formular concursos:

RECURSOS MATERIAIS

O colexio non terá que ter bicicletas propias para as prácticas xa que o Concello de Narón se compromete a levarlles todo o material necesario para levar a cabo os circuítos e as actividades no propio centro pero os nenos terán que levar a súa propia bicicleta os días nos que se faga unha ruta en bicicleta ou algunha actividade complementaria na que todos os membros da clase vaian en bici. Non adoita ser necesario compralas porque en moitas casas hai bicicletas de cando os pais ou fillos novos eran nenos. Abonda con trasladar aos pais esta necesidade durante a presentación do proxecto e seguro que conseguimos que a maioría dos nenos conten cunha bicicleta coa que poder levar a cabo as rutas e saídas en bici.

Material de papelaría para fabricar os sinais: pegamento, pintura, fita illante,pinceis, regras, etc.

Os recambios (cámaras, cubertas, cable de freo) e pezas soltas (pedais,bielas) para facer prácticas e reparacións levaranos consigo os membros do equipo de Educación Viaria do Concello(Pedro e Simón).

Circuíto de prácticas para Educación Viaria (separadores, soportes) sinais de tráfico (reais ou autofabricados), etc, que será móbil na súa maior parte e que se desprazará polos distintos centros para levar a cabo as actividades no centro.

Este Carro de Educación Viaria estará nas nosas mans no segundo trimestre para poder comezar a desprazarnos con el polos distintos centros.

Circuíto de habilidade que se irá enriquecendo e complicando progresivamente: cordas, conos, separadores de plástico, etc.

Disfraces (pódenos elaborar en clase), cartolinas, pinturas variadas, etc.

Sala de ordenadores para consultar a web (de non ser posible, un canón e pantalla para mostrala na aula).

RECURSOS HUMANOS

Equipo de seguridade viaria do Concello de Narón, persoal docente, policía municipal, pais-nais e responsables municipais que se ofrezan para a saída, xunto coa inestimable colaboración das Anpas de Narón.