información cidadá INFORMACIÓN CIDADÁN

galego | castellano

inicio

Educación Viaria

Educación Viaria nos colexios

O que estamos a facer nos colexios

O que estamos nós a levar a cabo nos colexios coa implantación deste proxecto innovador baséase en que nós pretendemos propiciar un círculo virtuoso entre a infancia, a bicicleta e o ámbito urbano. Os hábitos que se adquiren de neno perduran, xeralmente, na idade adulta. Se asumen como "natural" unha vida ligada ao coche, de maiores demandarán o seu uso e deixarán de lado outros medios (transporte público, bicis). Algúns procesos, como este, que parecen irreversibles pódense intentar cambiar. En moitas cidades europeas (Hamburgo, Copenhague, Sevilla, París, Barcelona) emprendéronse iniciativas para tratar de dar a volta a realidades urbanas insostibles.

O noso proxecto nace con vocación integradora, non pretende ser unha guía pechada que veña imposta senón un compendio de ideas, iniciativas e eventos que se poden poñer en práctica, transformar, mellorar e enriquecer. Cada cidade, cada barrio e cada centro educativo son distintos, por iso haberá que adaptar as propostas e os seus contidos.

O proxecto ten, tamén, unha clara dimensión social e participativa. Parécenos importantísimo que a protagonista da campaña sexa a cidade no seu conxunto, que todos e todas (institucións, persoas) asumamos a necesidade de mellorar as nosas condicións de mobilidade para facer os nosos desprazamentos máis cómodos, rápidos e seguros. En definitiva, tratar de converter as nosas aldeas,vilas e cidades en lugares para vivir, non só para circular.

Dado o carácter integrador, social e participativo do proxecto será importante, pois, tratar de implicar a distintos colectivos e institucións: centros educativos (protagonistas da campaña), concellos, Policía Municipal, hospitais e centros de saúde, asociacións, etc.

Con esta campaña queremos actuar a DOUS niveis:

  1. CURRICULAR
    Ofrecendo aos docentes unha guía didáctica, un conxunto de sesións e fichas que de xeito sinxelo lles permitan integrar contidos para desenvolver as habilidades e capacidades cognitivas, físicas e de reflexión nos seus alumnos sobre a importancia e o coñecemento da bicicleta como medio de transporte, de xeito integrado nas diferentes áreas do currículo dos alumnos de Primaria.
  2. Apoio ás experiencias de cambio, propiciando a realización de camiños escolares en bicicleta
    A circulación actual é moi esixente con respecto ao ciclista, xa que esixe unha boa comprensión global do tráfico, unha repartición eficaz da atención e unhas capacidades psicomotrices axeitadas. Estas competencias adquírense de forma natural coa práctica, pero tamén pódense adquirir máis rapidamente mediante un adestramento adaptado e prácticas diversas como as que propoñemos nas actividades da GUÍA DIDÁCTICA e de planificación do CAMIÑO ESCOLAR.