Dende o Concello de Narón, logo de levar xa traballando varios anos nun proxecto inicial de Educación viaria, démonos conta da necesidade de levar máis alá todo este primeiro proxecto , e decidímonos a pór en marcha o Proxecto Aprende Pedaleando, que vai destinado a todos os centros de Infantil e Primaria do Concello de Narón.
O número total de nenas e nenos aos que nun principio vai enfocado o noso traballo é de 2500 alumnas e alumnos aproximadamente, de todas as idades que abarca a Educación Infantil e Primaria.
No período que comprende a Educación Infantil e Primaria, os nenos e nenas farán uso das vías públicas como peóns autónomos, con todo, en moitos casos utilizarán tamén como viaxeiros medios de transporte, tales como o vehículo familiar ou o autobús escolar. Igualmente, a partir dos dez ou once anos comezarán a utilizar a bicicleta en ocasións concretas. Estes comportamentos viarios son os que determinarán os obxectivos xerais de Educación viaria para esta etapa educativa.
Os obxectivos que formulamos a continuación e que contribuirán a desenvolver nos alumnos e alumnas as seguintes capacidades son:
Os obxectivos da Educación Viaria, han de ser seleccionados tanto en función da importancia que teñan en relación a aquelas situacións de tráfico máis habituais na zona en que o escolar desenvolve a súa actividade viaria, como pola súa adecuación á etapa do desenvolvemento evolutivo en que se atope o suxeito ou suxeitos aos que se dirixa un programa específico de Educación Viaria. En consecuencia, cada centro, no momento de establecer as bases para a realización do Proxecto Educativo, deberá levar a cabo unha análise do seu contorno tendo en conta todos aqueles datos baseados, ben na opinión de nenos, pais, e expertos, ou en estudos que determinen que tipo de accidentes son os máis frecuentes, cales son os comportamentos dos distintos grupos de idade, os riscos aos que se expón de forma espontánea, e o tipo de vehículo ou vehículos (autobús escolar, bicicleta, ciclomotor, etc.) que utilizan con máis frecuencia. Esta intención expresada de forma xeral no Proxecto Educativo para o conxunto dos alumnos do centro, concretarase como se dixo anteriormente, no proceso de elaboración do Proxecto Curricular, coa formulación dos obxectivos e capacidades que han de alcanzar os alumnos ao finalizar a Educación Primaria