Tráfico inicia unha campaña de concienciación para atallar a sinistralidade das motos e o uso de casco.
A campaña céntrase na vulnerabilidade das motos e na convivencia entre condutores de motocicletas e do resto de vehículos.
Entre 2003 e 2007 a mortalidade descendeu un 32% para todo tipo de vehículos, mentres que a sinistralidade de motos case se duplicou.
CAMPAÑA ESPECIAL DE CONCIENCIACIÓN
Durante o pasado ano 423 persoas perderon a vida en accidentes de moto. En 2008 xa se contabilizan 82, nove menos que en 2007.
24 de abril de 2008 - A Dirección Xeral de Tráfico puxo en marcha unha campaña especial para a concienciación dos condutores sobre a crecente sinistralidade que sofren as motocicletas. Na campaña utilízanse cuñas en radio e un vídeo en que se lembra a condutores de motocicletas e aos doutros vehículos a vulnerabilidade das motos.
Durante o pasado ano 2.741 persoas perderon a vida en accidentes de estrada en todo tipo de vehículos, un 32 % menos que en 2003. Pero non sucede o mesmo se se analizan os datos de sinistralidade das motos, sobre todo as de gran cilindrada. Así en 2003 morreron 230 motoristas e 423 en 2007, o que representa un aumento do 84%.
PLAN DE SEGURIDADE VIARIA PARA MOTOS
Para estudar e abordar a sinistralidade crecente das motos A Dirección Xeral de Tráfico convocou un grupo de traballo con representación de todos os axentes implicados no sector. O grupo elaborou un Plan de Seguridade Viaria para Motos que ten como obxectivo básico inverter a tendencia crecente na evolución do número de mortos e feridos graves por accidentes neste tipo de vehículos. Para iso contémplase un conxunto de accións que serán despregadas nos próximos catro anos. Ao longo do 2008 tense previsto pór en marcha 19 accións prioritarias e entre elas atópanse campañas de concienciación. Neste marco de actuación sitúase a campaña especial que a Dirección Xeral de Tráfico puxo en marcha.
CAMPAÑA
Con esta campaña, que se emitirá entre abril e setembro, preténdese trasladar a mensaxe de que case 5 millóns de vehículos de dúas rodas, que circulan diariamente, transformaron a realidade da condución e que é necesaria outra forma de conducir por parte de todos, condutores de coches e condutores de motos.
O aumento da matriculación de motocicletas e ciclomotores durante os últimos anos (máis de 700.000), é unha tendencia que seguirá aumentando nos próximos anos, porque este tipo de vehículos converteuse nunha alternativa de transporte polo seu custo menor, así como para superar os atascos e a escaseza de aparcadoiros.
A campaña que ten un enfoque informativo, pretende fomentar a convivencia entre ambos os tipos de vehículo, e concretamente as mensaxes focalízanse nos seguintes aspectos:
- Para os condutores de vehículos de catro rodas:
- Que consideren que poden aparecer con máis frecuencia ciclomotores ou motocicletas, que son menos visibles polo seu menor tamaño e poden quedar ocultas nos ángulos mortos.
- Que extremen a precaución e a sinalización en manobras como cambios de carril, xiros, aparcamentos e apertura de portas.
- Que quen se arrisca a saltar un semáforo en ámbar nun cruzamento é porque conta co tempo que tarda un coche en arrincar ; pero cunha moto o cálculo falla porque son máis áxiles e o máis probable, é que o coche leve por diante á moto.
- Para os motoristas:
- Deben ter moi en conta que son menos visibles polo seu tamaño e poden quedar ocultos nos ángulos mortos e, polo tanto deben sinalizar con tempo as súas manobras, para non sorprender ao resto de vehículos.
- Para a condución en vías interurbanas, advírtese que a maioría dos accidentes mortais son saídas da vía debido ao exceso de velocidade é a falta de control da moto por inexperiencia.
- Insístese en que manexar unha moto é moito máis complicado e arriscado que manexar un turismo, (o risco de matarse nun accidente de tráfico en moto é 17 veces superior a matarse nun turismo).
O slogan da campaña resúmese nas frases: "se pensamos nas motos todo irá como unha seda" e "o coche xa non é o único sobre o asfalto, tamén está a moto".
Os medios en que se vai difundir a campaña son en televisión (micros informativos), cuñas de radio, prensa do motor, diarios e Internet.
Así mesmo elaborouse un vídeo divulgativo, de 10 minutos de duración, que se distribuirá entre os principais axentes do sector (xefaturas, municipios, fabricantes, aseguradoras, autoescolas, asociacións de motoristas, etc)
DATOS SOBRE O FENOMÉNO DAS MOTOS E A SÚA PROBLEMÁTICA
O parque de motocicletas incrementouse un 43% entre 2004 e 2007. Os incrementos máis significativos do parque, por cilindradas, foron nas motos de 76 a 125cc, un 97%, e nas de máis de 500cc, un 54%.
- Entre xaneiro e xuño de 2007, o 88% das motocicletas implicadas en accidente mortal na estrada era dunha cilindrada superior a 500 cc, o 7% até 125cc e o 6% entre 125 e 500cc. Destaca o importante número de motos de gran cilindrada: o 36% das motos teñen 750cc ou máis.
- Mentres que o número total de mortos en accidente de moto crece, as vítimas mortais en accidente de turismo e de ciclomotor diminúen.
- O 81% dos accidentes prodúcense en estradas secundarias ou convencionais.
- O 42% dos accidentes mortais son saídas de vía.
- O 64% das motos implicadas en accidentes mortais teñen 3 anos de antigüidade ou menos.
- O 62% dos accidentes prodúcense en fin de semana, sobre todo o domingo pola mañá e sábado pola tarde, e o 38 % en día laborable.
- Obsérvase que hai un incremento na idade dos condutores de motocicleta implicados en accidente mortal. En 2003 o 75% dos condutores implicados en accidente mortal tiña menos de 36 anos mentres que en 2007 a súa idade foi 42 anos.
- No caso dos condutores implicados en accidentes con vítimas en 2006, nun 88% dos casos, a antigüidade do seu permiso era superior aos 2 anos.
- A porcentaxe de condutores e pasaxeiros falecidos que non usaban casco na estrada descendeu en motocicleta do 10% en 2003 ao 7% en 2007 e do 49% ao 29 % en ciclomotor.
- Os estudos de campo reflicten que a porcentaxe de uso do casco na estrada é do 94%
- Apréciase un maior aumento de vítimas mortais nas provincias costeiras, onde hai un maior número de licenzas e permisos de conducir motos. Incrementouse o número de mortos durante 2007 en Barcelona, Murcia, As Palmas, León e Cádiz.
- No informe do Instituto Nacional de Toxicoloxía detállase que no ano 2006 houbo 327 condutores de moto mortos en accidentes, dos que 88, o 27%, presentaban alcoholemia positiva (0,5 g/l.).
- Dos 300 ingresos anuais de lesionados agudos no Hospital de Parapléxicos de Toledo, o 40%, uns 120 ao ano, son como consecuencia de accidente de tráfico. Destes, 40 son motoristas. O perfil do ingresado é un home de 37 anos que presenta paraplexía en concreto unha lesión medular á altura das vértebras dorsais